Curtacativa
Desde 2007, a Mostra Internacional de Curtametraxes Vila de Noia desenvolve Curtacativa, un programa didáctico dirixido aos centros educativos de Noia e da comarca. Esta iniciativa achega as curtametraxes ao alumnado de todas as idades, fomentando a paixón polo cinema, cultivando un espazo para reflexionar e inspirarse, e garantindo un acceso igualitario á cultura audiovisual.
Nun contexto no que o consumo audiovisual é cada vez máis rápido e fragmentado, especialmente polo uso constante dos dispositivos móbiles, Curtacativa propón un espazo de atención ás historias breves e reforza a relación das novas xeracións co cinema como experiencia cultural. O programa contribúe a desenvolver o imaxinario visual, a capacidade creativa e o pensamento crítico do alumnado a través do contacto directo co medio.
O forte apoio e a confianza das escolas, institutos e asociacións de Noia e arredores, así como a participación activa de cineastas que comparten o seu traballo co estudantado, permite que Curtacativa medre en cada edición. Máis alá da difusión do cinema, a sección busca construír un camiño colectivo e sostible que valore socialmente a linguaxe audiovisual polo seu impacto no desenvolvemento persoal e cultural das persoas espectadoras.
