A Mostra
A Mostra Internacional de Curtametraxes Vila de Noia é un dos festivais de curtametraxes máis destacados de Galicia. Impulsada polo Concello de Noia, naceu hai 26 anos como iniciativa dun grupo de mozos e mozas vinculados ao audiovisual, e ao longo deste tempo consolidouse como un referente no circuíto peninsular. A Mostra é, ademais, festival cualificador oficial para os Premios Goya e para os Premios Forqué, un recoñecemento que avala a súa traxectoria e prestixio.
O festival ofrece cada ano unha coidada selección de curtametraxes en competición, con propostas nacionais e internacionais de grande diversidade temática. A programación inclúe tamén presentacións de proxectos, preestreas de cinema independente e espazos dedicados á creación local, como Cousas daquí, centrado nas cineastas e nos cineastas de Noia e da súa contorna.
A dimensión formativa compleméntase con Curtacativa, sección dirixida aos centros educativos, e co programa Arredor das curtas, que reúne encontros, coloquios e obradoiros para estudantes, profesionais do cine e público interesado no audiovisual.
Durante máis dunha semana, Noia convértese nunha auténtica sala de cine aberta á veciñanza e ás persoas amantes do audiovisual, reforzando a súa posición como un dos principais festivais de cine de Galicia e un punto de encontro fundamental para a curtametraxe na actualidade.
