Mostra de Curtas de Noia

Edición 2026

A 27ª edición da Mostra Internacional de Curtas Vila de Noia terá lugar do 3 ao 14 de novembro cunha programación ampliada que reforza a súa dimensión cinematográfica, cultural e profesional. A incorporación dunha nova xornada de festival, a estrea dunha sección competitiva adicada á curtametraxe documental e a posta en marcha do Curtas Noia Industry Lab marcan unha edición que busca seguir medrando como punto de encontro para o cinema curto e para os profesionais do sector audiovisual.

A Mostra busca ampliar así os espazos para o descubrimento de novas obras e novos autores, o intercambio de coñecementos e a reflexión arredor das linguaxes, os retos e as posibilidades do presente e futuro do audiovisual, convertindo Noia nun plató de cine en aberto, disposto para o interese de profesionais e da veciñanza.

Esta será unha edición atravesada pola lembranza dunha figura moi querida e inesquecible para Noia: Serafín, o castañeiro. A súa presenza forma xa parte da memoria cotiá da vila, dunha paisaxe humana que acompaña xeracións e que merece ser contada e preservada a través do audiovisual. Neste 2026 rendimos homenaxe a Serafín, cuxa historia está vencellada á Mostra desde os seus comezos e cuxo retrato constrúe a identidade desta comunidade.

Curtametraxe documental: Serafín "o castañeiro", de Nacho Carnota e Jorge García



Cartel XXVII

Edición 2026

>Resumen

Curtas Seleccionadas

Xurado